Se o desexa, pode utilizar o seguinte buscador para refinar a súa procura.

O proxecto Cantigas do Camiño, dirixido aos peregrinos de todo o mundo que visitan Galicia e aos que soñan con facer o camiño, presentase en dous formatos diferentes. Deste xeito, pode adquirirse o disco xunto cun libro escrito en galego, español e inglés, nunha edición de luxo de 90 páxinas na que se inclúen ilustracións e textos que xiran ao redor do Camiño de Santiago, así como fotos e letras de cada unha das cancións dos artistas participantes. Ao mesmo tempo, editouse un disco en formato estándar, que será distribuído en exclusiva en máis de 400 supermercados do grupo Gadisa a un prezo especial de 4.95€.
O disco Cantigas do Camiño é un proxecto colectivo en forma de disco que recolle en cada canción unha busca creativa complexa, necesaria para compoñer unha obra inspirada e relacionada co Camiño de Santiago. Esta visión da música que representa ao Camiño de Santiago é herdeira de centos de anos de tradición musical, pero tamén é unha proposta persoal e contemporánea. Os artistas participantes neste disco constitúen unha magnífica representación da música de Galicia, unha música única no mundo, con personalidade e son de seu. A iniciativa foi posible grazas á colaboración e esforzo dos artistas que teñen creado cada canción especialmente para este disco e tamén de todos os profesionais, fotógrafos, ilustradores, técnicos e enxeñeiros de son que participaron nas gravacións.
SUSANA SEIVANE - Camiño Longo
FALTRIQUEIRA - Ultreia (et suseia)
GUADI GALEGO & VAAMONDE, LAMAS e ROMERO - Dum Paterfamilias
UXÍA - A Casa da Xente
LEILÍA - 1000 Camiños
LUAR NA LUBRE - Romance de Don Gaiferos
SONDESEU - Amence no Camiño - Alborada de Pontecaldelas
FUXAN OS VENTOS - Camiño de Romaría
TREIXADURA - Foliada de Santiago
MILLADOIRO - O Camiño
BONOVO - A Ruta Esquecida
EMILIO RÚA - Crenzas
BERROGÜETTO - Indosesta
Ultreia (et suseia)
E vai e vén,
e vira pra un lado
e tira pró outro
e alí se detén
e fala cun home
que fala e que fala
que fala e non para
e que canta moi ben
que conta unha lenda
que a avoa contaba
dun mozo que andaba
camiñando alén
que viña de abrente,
que ía a poñente,
e vai e vén, e alí se detén,
onde a Rosa de Pedra
acuruxa ós paxaros
que brincan nas nubes que enchen o ar,
E remata no mar.
Calquera que fixera o camiño de Santiago, sabe que un dos aspectos máis interesantes da aventura é a relación que se establece coas distintas persoas que un se vai atopando ó longo da travesía.
Nace entre os camiñantes un vínculo estreito e invisible, amigable e fraternal, que se crea tamén, en moitas ocasións, cos veciños das terras polas que pasa o pelegrín.
Algo así é o que lle acontece ó personaxe desta canción.
Alguén que vai, e vén; que se mestura coa xente; que tenta aprender das vivencias e experiencias alleas; que tras o longo percorrido, e seguindo as Estrelas, entra pola rúa de San Pedro no Grande Xardín de Pedra.
E, por fin, logo de toda a romaría, chega ata o Mar,onde o espera a grande bola de luz que se mergulla nun Atlántico salvaxe e bailador que anuncia a fin da viaxe.
Faltriqueira, Novembro-09
