Galego - Espaņol - English         

Pascal Gaigne

 

 No ano 2002, tras varios anos de aprendizaxe e consolidación de gustos e ideas, editamos o noso primeiro traballo, faltriqueira.

Tivemos a sorte de atoparnos con quen hoxe é unha peza indispensable do noso puzzle, Pascal Gaigne, recoñecido compositor de música de cine (El sol del membrillo, Piedras, Silencio Roto, Las voces de la noche, Azul oscuro casi negro, Siete mesas de billar francés…), música para ballet, teatro..., excelente guitarrista, e mellor persoa.

Coñeccímolo hai case oito anos.

Tiñamos repertorio e algunha proposta de gravación, pero necesitábamos alguén que organizase todas as nosas ideas.
Isto non semellaba tarefa fácil, pois partiamos dun principio básico: o noso fin era conseguir algo diferente; algo especial; así, precisabamos dunha persoa que comprendese o noso particular sentir musical.

Foi Sergio Cruzado – o noso representante e querido padriño naquel entón – quen nos puxo en contacto con Pascal.
Enviámoslle unha maqueta, e a súa resposta foi moito máis do que esperabamos:
ademais de un SI, acepto, remitiunos unha proba do que podería ser o punto de partida do primeiro traballo en conxunto.

Ó escoitar aquela gravación, a nosa reacción foi de auténtica sorpresa, pois acabábamos de atopar a quen, dun xeito incrible, conseguira elevar o concepto faltriqueira ó seu maior esplendor. Acabábamos de dar coa ferreña da nosa pandeireta.

Meses despois poñiámonos a traballar definitivamente en faltriqueira – o primeiro traballo do grupo – que sairía publicado en Novembro dese mesmo ano.

Dende entón, navegamos todos no mesmo barco.
Pascal é para nós, moito máis que un director musical: é a clave da nosa partitura. É un grande amigo.
Gracias, Pascal.

myspace.com/pascalgaigne

pe_contido_esquerda

O grupo

O grupo Faltriqueira encarna a corrente máis fresca do panorama xurdido das fontes da música tradicional. Fusionando a polifonía coas percusións e os instrumentos acústicos, Faltriqueira son un proxecto vocal autónomo que foxe da ríxida tradición e dota de nova vida a cancións recollidas en diversas latitudes, non só na súa Galiza natal.

Iniciadas en Orballo, grupo folclórico da súa vila, recollen a herdanza tradicional das cantantes pandereteiras enchoupándoa da súa xuventude, naturalidade, gusto e achegamento a diferentes estilos musicais próximos e lonxanos xeograficamente.

Colaboraron en gravacións e acompañaron en concertos a Luar na Lubre, Mike Oldfield, Oskorri, Kepa Junkera, Víctor Manuel, antes e despois dun debut discográfico editado a finais do 2002 e distribuído por medio mundo. Faltriqueira (Resistencia, 2002) levounas á portada da revista Folk Roots, referente da música con raíces e otorgoulles unha gran aceptación da crítica especializada, pois foi escollido entre os 10 mellores álbumes do 2003 na World Music Charts Europe (lista europea de músicas do mundo). Do mesmo xeito, varias cancións súas foron escollidas para diversos recopilatorios coma “Women´s World Voices”, “Femmes Celtes” ou “Oriental Garden”.

Tras ofreceren concertos pola Península Ibérica, Bermudas ou Namibia e gañar tamén o recoñecemneto do público en festivais coma o Etnofestival 2005 de San Marino, o Rock in Rio en Lisboa, o Fórum das Culturas en Barcelona, o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Parapanda Folk ou Plasencia Folk... chega o momento da agardada continuación discográfica: o “ Efffecto Faltriqueira ” (2006).

Andante , tranquilo pero sen lentitude, como fixeron co primeiro disco, Ana, Carolina, María e Teresa foron alternando eses concertos e xiras cos ensaios onde seleccionaron e prepararon o repertorio do álbum confirmación. Na procura da variedade, alternan as recreacións de temas tradicionais como “Vén bailar”, “Canteiros de Pontevedra”, “Dama de papel”, “Queridiño”, ou esas “Copras á Patroa” nas que nos invitan as festas da súa vila, Pontedeume, a cantiga medieval “Trobadores”, e incluso os ritmos do leste europeo asoman en “Adios”. Tamén lucen as súas voces nunha canción de orixe senegalesa “Fatu yo”, exemplo da consecuencia das viaxes, os contactos e os intercambios de material, ou nun tema tradicional estadounidense que rexistraran Emmylou Harris, Linda Ronstadt e Dolly Parton no álbum “Trio” adaptándoo coma “Caixa de roseiras”.

Tampouco falla a reivindicación neste álbum, pois ademais do compromiso das letras co “Canto libre” de Víctor Jara, recrean dúas cancións máis cercanas ao pop representativas daquel período de reapertura para as gravacións en galego tras a fin da dictadura en España: o “Meu amor mariñeiro” de Fuxan Os Ventos e “Corpiño xeitoso” de Andrés do Barro, ámbalas dúas revitalizadas con este novo tratamento.

A complicidade co público está asegurada grazas á sinxeleza e á naturalidade que acompañan ás súas voces frescas arroupadas sobre as táboas por Jorge Juncal no acordeón, Roi Adro nas percusións e o “Faltriqueiro maior” Pascal Gaigne ás cordas.

Pepe Cunha

pe_contido_dereita

© Faltriqueira 2006 - Aviso legal